CRTVG

Buscar

Industria pide "responsabilidade" aos accionistas de Barreras e saúda iniciativa das auxiliares

Publicado o 25/10/2019 12:13
Industria pide "responsabilidade" aos accionistas de Barreras e saúda iniciativa das auxiliares

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apelou á "responsabilidade", a "prudencia" e o "sentido común" dos accionistas de Barreras e saudou a iniciativa das empresas auxiliares de tomar o control do estaleiro co hipotético beneplácito de Pemex.

En declaracións aos medios en Vigo, Conde solicitoulles aos accionistas que teñan en conta que "en xogo hai máis de 1.000 empregos que dependen das decisións que poidan tomar", e desvelou que así llo trasladou a Xunta a todos eles nas reunións bilaterais que mantivo ata a data.

Conde circunscribiu a situación de Barreras a "un conflito accionarial" en que "cada un ten unha posición distinta" e no que a Xunta trata de exercer como mediador e ofrécese a participar nunha posible solución.

Iso si, a condición de que se garanta a construción dos barcos que o estaleiro vigués ten en carteira e se dea "unha resposta" ás auxiliares, que "están a pasar por unha situación de dificultade", e aos clientes, "aos que nos debemos".

Ao preguntarlle polas conversacións da plataforma que aglutina a 33 auxiliares que representan o 75% das débedas contraídas por Barreras con Pemex para que lle ceda o control do estaleiro, Conde indicou que se trata dunha proposta que "hai que valorar sempre en positivo".

En calquera caso, matizou, "son os accionistas os que teñen que dar esa solución e esa resposta".

Francisco Conde subliñou que son os accionistas de Barreras os que teñen "a responsabilidade" de "desbloquear a situación" canto antes mellor.

"Todas as partes, estaleiros e clientes, precisan de que se poida renovar a actividade de forma inmediata", apuntou.

O conselleiro defendeu que na crise de Barreras a Xunta "está a tomar a iniciativa, traballando con cada un dos accionistas e coa industria auxiliar" co obxectivo de "promover ese acordo entre as partes" e que "todos poidan saír gañadores na resolución do conflito".

Adicionalmente, a Xunta poñería a disposición, chegado o caso, os "diferentes instrumentos" cos que conta para "estruturar desde o punto de vista financeiro o estaleiro".

"Ese é o camiño que temos que trazar. Estamos a traballar", pechou.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí