A Xunta pide que Galicia pase á fase 1 o 11 de maio
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, anunciou este mércores que o Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo solicita que toda Galicia pase á fase 1 do proceso de desescalada o próximo 11 de maio e que a referencia que se tome sexa a área sanitaria.
Acompañado doutros dirixentes do Servizo Galego de Saúde, Almuíña detallou as características do documento que se remite ao Ministerio de Sanidade e esgrimiu a situación de Galicia neste momento: seguen en tratamento 2.808 pacientes de coronavirus e 236 permanecen ingresados.
"Tanto os números absolutos como as tendencias son positivas no conxunto de Galicia e en todas as áreas", explicou o conselleiro, quen indicou que nos últimos 14 días non se computou ningún caso de transmisión en 190 municipios (e en 196 ningún caso de transmisión comunitaria).
Ademais, o Sergas defende a capacidade sanitaria e hospitalaria de Galicia se houbese que dar resposta a novos casos, así como de seguir e illar calquera contaxio que se detecte.
Na súa intervención, Almuíña remarcou que a proposta da Xunta é tamén que haxa "unha maior flexibilidade na mobilidade entre territorios coa mesma situación epidemiolóxica" dentro da comunidade.
Para consultar que son as áreas sanitarias, preme aquí.