CRTVG

Buscar

A Xunta pide por carta ao Goberno que garanta o peche perimetral de Galicia na fronteira portuguesa

Publicado o 30/04/2021 19:25

• Fontes da Delegación do Goberno confírmanlle á Televisión de Galicia que prevalece o peche autonómico

AXENCIAS

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, enviou este venres unha carta ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, para solicitarlle "colaboración" no control dos desprazamentos a Portugal. Na misiva, tamén remitida á Delegación do Goberno en Galicia, o Executivo galego sinala que os desprazamentos entre Galicia e Portugal deben estar limitados a causas xustificadas a pesar de que a partir deste sábado reabriranse as fronteiras.

A este respecto, a Xunta considera que pese ao anuncio da reapertura da fronteira terrestre con Portugal “debe resaltarse que se atopan en vigor as limitacións de entrada e saída de persoas do territorio de cada comunidade autónoma, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados”, xa que en Galicia mantense o peche perimetral da comunidade autónoma.

A carta remitida por Rueda alude, ademais, que Galicia "enterouse polos medios de comunicación da reapertura da fronteira terrestre con Portugal" a partir deste sábado, de forma que a partir das 00,00 horas do 1 de maio todos os pasos "quedarán abertos e España eliminará tamén os seus controis", constata.

Pola súa banda, a AECT Río Miño, entidade transfronteiriza na que participa a Deputación de Pontevedra, considera que a postura da Xunta de interpretar que o peche perimetral da comunidade limita a mobilidade a causas xustificadas supón "pór máis paus nas rodas".

Así o indicou o vicedirector da agrupación territorial, Uxío Benítez, que lembra á Xunta que "non ten competencias nin poder de decisión sobre as fronteiras exteriores" e que, por tanto, "non pode impor ordes sobre a mobilidade argumentando o seu peche perimetral autonómico". "Se iso fose así estariamos ante o paradoxo dun territorio con dúas fronteiras simultáneas, unha autonómica e outra estatal", apostilou Benítez.

Un mes de peche

89 días de peche que rematarán esta noite ás 11 e 59 minutos, cando se retiren os sinais e bloques de formigón en lugares como a eurocidade de Tomiño-Cerveira, onde causaron perdas económicas e un gran trastorno porque a ponte da Amizade tan transitada non chegou nin a abrirse unhas horas ao día.

Portugal deixa atrás o estado de emerxencia e abre fronteiras grazas aos seus bos datos da pandemia, dos mellores de Europa. Rematan, pois, as longas filas para ir ao traballo ou mesmo percorrer ata 100 quilómetros máis do habitual para chegar a un paso aberto.