CRTVG

Buscar

A Xunta pide coñecer as "necesidades" de Barreras para dar unha "solución integral"

Publicado o 01/10/2019 18:48
A Xunta pide coñecer as "necesidades" de Barreras para dar unha "solución integral"

A Xunta de Galicia reclamou este martes información sobre as "necesidades" de Hijos de J. Barreras, co fin de perfilar unha "solución integral" para esta empresa e para as empresas da industria auxiliar que traballan nos proxectos en marcha no estaleiro.

Así llo trasladaron responsables do Igape aos representantes de Pymar e de Ritz Carlton (a empresa que ten os contratos máis importantes no estaleiro vigués) nunha reunión celebrada en Madrid este martes.  

Fontes a administración autonómica explicaron a Europa Press que, antes de tomar ningunha decisión, o Goberno galego debe "coñecer a situación" do estaleiro e "cales son as necesidades" que debe cubrir "para dar resposta á carga de traballo que ten en carteira". Así, cando se coñezan esas necesidades, engadiron as mesmas fontes, "seguirase traballando para dar unha solución integral, que inclúa a carga de traballo dos estaleiros e ás empresas auxiliares que están implicadas nos proxectos". 

O Goberno galego avanzou, así mesmo, que "haberá novos contactos" coas partes, aínda que non precisou cando, para analizar a información solicitada.  

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pola súa banda, insistiu este martes na mensaxe que o Executivo autonómico traslada desde que se coñeceu o cesamento de José García Costas á fronte de Barreras: o Goberno autonómico apoiará á empresa se é "viable" e "ten músculo" para seguir traballando.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí