CRTVG

Buscar

A Xunta pide coñecer a auditoría de Barreras para adoptar medidas

Publicado o 28/11/2019 11:49
A Xunta pide coñecer a auditoría de Barreras para adoptar medidas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, apelou este xoves á "responsabilidade" antes de adoptar medidas con respecto á situación do estaleiro Barreras, tendo en conta que "primeiro hai que coñecer o contido da auditoría sobre a situación do estaleiro e de cada un dos seus proxectos".

"É fundamental actuar con responsabilidade e transparencia á hora de trasladar cales son as necesidades en materia de carga de traballo do estaleiro para poder ter viabilidade a longo prazo e que decisións tomarán os accionistas para iso", apuntou Conde en declaracións á prensa.

O conselleiro apuntou que a Xunta "estivo traballando todas estas semanas" co resto de actores implicados, en "coordinación permanente" co Ministerio de Industria, Cesce e Pymar para identificar as posibles solucións.

"Trasladamos con toda claridade a estes actores a posición da Xunta: que a prioridade son os traballadores do estaleiro e da industria auxiliar, e que traballaremos por unha solución de futuro que garanta a súa viabilidade", concluíu. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí