CRTVG

Buscar

A Xunta pide cambios nos baremos da repartición de fondos para gasto sanitario

Publicado o 04/05/2020 21:29

O Goberno galego non comparte os criterios con que se van repartir entre as comunidades os fondos adicionais para afrontar a crise do coronavirus. O ministerio de Facenda propón que o 28 % dos 10.000 millóns previstos para gasto sanitario se repartan en función de variables como a dispersión ou o avellentamento da poboación. O goberno galego reclama que ese baremo determine a metade de todos os fondos.

Na videoconferencia cos representantes das comunidades autónomas, a ministra de Facenda comunicou os criterios de repartición dos 16.000 millóns de euros de fondos adicionais anunciados polo Goberno para afrontar a crise da covid que se aprobarán mediante un real decreto-lei e se executarán mediante transferencias directas. A situación sanitaria, o volume da poboación e a caída de ingresos determinarán a repartición dese fondo rexional que as comunidades non terán que devolver e queda á marxe do financiamento autonómico.

Dez mil millóns serán para gasto sanitario, 1.000 millóns para gasto social e 5.000 para compensar o descenso de recadación nos tributos propios. O gasto sanitario distribuirase seguindo dous criterios: un 28 % en función da poboación axustada, é dicir, tendo en conta factores como dispersión xeográfica ou avellentamento, e o outro 72 % por tres indicadores: probas PCR, hospitalizacións e ingresos en UCI.

Pero estes criterios de repartición provocaron o rexeitamento dalgunhas comunidades de distinto signo político. Valencia ou Andalucía, por exemplo, demandan máis peso do criterio de poboación. O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, considera que o criterio de poboación axustada está "infraponderado" e que debería contar máis na repartición de fondos ata achegqarse ao 50 %. Asegurou que con estes criterios non se tería en conta o traballo das comunidades en eidos como a atención primaria e a saúde pública.

No anuncio deste fondo adicional, a ministra explicaba que as comunidades que sufriron un maior impacto da pandemia serán as que máis recursos reciban. A responable de Facenda comprometeuse cos representantes autonómicos a revisar a súa proposta e deixou aberta a opción de adoptar o criterio de poboación axustada ou a poboación protexida equivalente.

Noticias web

04/05/2020