CRTVG

Buscar

Os cazadores poderán moverse por toda Galicia para batidas de xabarís ou lobos

Publicado o 19/11/2020 19:40

A Xunta publicou unha circular que sinala que os cazadores poderán moverse por toda Galicia, a pesar das restricións para entrar e saír de case 70 concellos, para participar en batidas de xabarís ou lobos.

Nesta resolución asinada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, apúntase que se permiten as cacerías de xabaril aprobadas para a tempada 2020-21 nos plans anuais dos TECOR.

Así mesmo, pódense facer con liberdade de movemento polo territorio aquelas batidas por motivos de danos na agricultura ou gandería ocasionados por xabaril e/ou lobo (requiren da súa comprobación previa por parte de xefaturas territoriais) e mais por accidentes de tráfico graves reiterados nun mesmo punto.

No caso de que as accións de caza impliquen máis dunha persoa, débese dispoñer dun plan de actuación por parte do responsable da cacería en que se detallen as medidas de prevención e hixiene.

A Xunta lembra que os cazadores teñen que gardar as distancias de seguridade e levar a máscara e non poden compartir utensilios de caza nin comida ou bebida.

 

Reaccións da Asociación Agraria e da organización Libera 

Respecto diso, a Asociación Agraria de Galicia celebra que a Consellería de Medio Ambiente atendese a súa petición de declarar a caza maior como "actividade esencial".

Valora que, "a partir desta fin de semana, poderán desprazarse por toda a comunidade autónoma tanto os afeccionados federados como os non federados" e poderán reunirse con outros cazadores "cos que non convivan".

Pola súa banda, Libera denuncia "a enésima cesión" da Xunta ao lobby procaza. "Mentres decenas de municipios teñen limitacións de mobilidade, conséntese o libre desprazamento dos escopeteros", reproba.

Nun comunicado, a asociación animalista censura que "non existe ningún informe ou estudo que avale a necesidade destes desprazamentos polo territorio".