CRTVG

Buscar

A Xunta ofrécelle a Portugal asistencia na rede hospitalaria galega

Publicado o 05/02/2021 14:59

• Os pacientes trasladaríanse ao Álvaro Cunqueiro de Vigo

As UCI do norte de Portugal comezan a aliviar

A Xunta de Galicia ofreceulle ao Goberno de Portugal a posibilidade de acoller pacientes con covid-19 no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, segundo desvelou este venres o presidente Alberto Núñez Feijóo.

Feijóo concretou durante unha visita ao Instituto Feiral de Vigo, un dos puntos de recollida de mostras nos cribados masivos que están realizando en Galicia, que está pendente de que Portugal concrete "que tipo de axuda necesita".

E sinalou tamén que desde hai dous ou tres días a Xunta estuda a posibilidade de ofrecer camas e atención hospitalaria a pacientes derivados do norte de Portugal no Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde hai marxe para iso.

Feijóo esgrimiu que Galicia se comprometeu "desde o primeiro momento" a que se Portugal "necesitaba axuda", tentarían "responder a esa solicitude", canalizándoa, iso si, a través do Goberno.

O presidente contactou co embaixador de Portugal en España para trasladarlle este ofrecemento.

Este, continuou Feijóo, "agradeceu" a súa chamada e "de inmediato" contactou coas autoridades sanitarias lusas, que quedaron coas de Galicia en concretar en cuestión de "horas ou días", que tipo de axuda necesitan, e a resposta de Galicia, aseverou, será "inmediata".

En todo caso, antes de que se faga oficial, a Xunta informará o Goberno e a Embaixada de Portugal, pechou Feijóo.

Noticias web

05/02/2021