CRTVG

Buscar

A Xunta ofrece apoio a Parter a cambio de manter os empregos de Alcoa

Publicado o 06/08/2019 18:53

Primeira reunión de traballo do presidente da Xunta co comité de empresa e cos sindicatos do sector tras a venda a Parter co obxectivo de buscar solucións para garantir o futuro da fábrica máis alá dos dous anos aos que se comprometeu o fondo suízo que mercou Alcoa.

"Pedímoslle á Xunta que se poñan en liña para apuntalar a fábrica da Coruña con este novo proxecto industrial e dixéronnos que están dispostos a arroupar este novo investidor", afirmou o presidente do comité de empresa.

Feijóo di que a Xunta quere mudar a solución provisional actual en definitiva. Ofrécelle ao novo dono de Alcoa un plan de formación para os traballadores e financiar os investimentos que necesite a fábrica coa condición de que manteñan os empregos a partir do terceiro ano. Así llo trasladou ao socio director de Parter Capital Group.

"Parter non nos pediu nada. Dixémoslles que se veñen para quedar, para investir e para manter os 330 posto de traballo, que conten coa Xunta de Galicia", asegurou Feijóo.

O presidente defendeu que o Goberno galego sempre atendeu as chamadas do Ministerio de Industria para arranxar este asunto e lamentou que Reyes Maroto non o convocara á reunión que tivo este luns na Coruña co comité de empresa. Considérao unha falta de respecto institucional.

"Gustaríame que esta fose a última vez que un ministro do Goberno de España exclúe a Xunta da reunión para tratar un asunto do que a Xunta foi parte".

Feijóo e comité de empresa insistiron en que o futuro das empresas electrointensivas depende de que o Goberno aprobe o estatuto que regule os prezos da electricidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/08/2019