CRTVG

Buscar

A Xunta ofertará cursos gratuítos para formar os profesionais da hostalería no novo protocolo covid

Publicado o 16/09/2021 18:44
A Xunta ofertará cursos gratuítos para formar os profesionais da hostalería no novo protocolo covid
EP

A Xunta de Galicia ofertará cursos específicos e gratuítos para que os locais de hostalaría se clasifiquen como de Tipo 1c ou Tipo 2c, segundo informou o Goberno galego nun comunicado. Todos os cursos terán que estar revisados e avalados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade para poder obter a necesaria acreditación de nivel.

Os cursos terán unha duración de dúas horas para os locais de Tipo 1c e de catro horas para os de tipo 2c. Trabállase agora mesmo, segundo sinala, nos protocolos de colaboración entre a Dirección Xeral, as asociacións de Hostaleiros e o Clúster de Turismo, relativos aos requisitos de formación para os profesionais do sector.

Os requisitos faranse públicos nos próximos días e contemplarán os contidos da formación básica e da avanzada requirida para que os establecementos poidan clasificarse como locais do Tipo 1c (unha cuncha), que asumen os requisitos básicos esixidos pola Xunta, e os locais do Tipo 2c (dúas cunchas), que son os que cumpren requisitos adicionais. Tamén nos próximos días informarase as posibilidades para impartir a formación e acreditar a súa superación, así como do momento en que comezarán a ser exixibles por parte da inspección de saúde pública, "garantíndose en todo caso un prazo razoable para que todo o persoal do sector poida realizalos".

Noticias web

16/09/2021