CRTVG

Buscar

A Xunta non admitirá durante ano e medio novos parques eólicos agás os que teñan "unha clara incidencia" económica

Publicado o 20/10/2021 16:27

A Xunta non admitirá durante ano e medio (a partir da entrada en vigor en 2022 da lei de acompañamento aos orzamentos) novas solicitudes de parques eólicos, aínda que se exceptúa desta moratoria a "aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta". 

Así figura no texto que este mércores remitiu o Goberno galego ao Parlamento, no que se recolle que esta medida se toma "debido ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de megawatts prevista nestes proxectos". Igualmente, o proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas aclara que esta decisión "non impedirá a modificación dos proxectos xa admitidos a trámite".   

Ademais, estipúlase que, ante eventuais desestimentos ou renuncias de solicitudes xa presentadas, o Consello da Xunta poderá reabrir "temporalmente" o prazo para presentar novos proxectos "utilizando como referencia os megawatts en trámite". Segundo o Goberno galego, decídese frear estes proxectos durante 18 meses para unha "ordenación racional do sector".

Todo iso nun contexto no que se producen numerosas protestas de plataformas veciñais e ambientais en contra de proxectos eólicos por incidencia sobre o territorio.  Xunto a isto, amplíanse as distancias para a instalación de aeroxeradores respecto de núcleos de poboacións, de forma que terán que estar a 500 metros ou a cinco veces a altura total do aeroxerador (incluídas as pas).

A Asociación Eólica de Galicia ve "inaceptable" o "freo" ao desenvolvemento do sector. "É inaceptable que se adopten estas medidas sen contar coa opinión do sector, porque os datos indican que nos últimos anos non avanzamos no camiño da transición enerxética", advirte a asociación nun comunicado.

Noticias web

20/10/2021