CRTVG

Buscar

A Xunta móstrase favorable á celebración de verbenas este verán

Publicado o 25/05/2020 20:24

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron este luns unha reunión con representantes do sector profesional das orquestras e mostráronse favorables á celebración de verbenas este verán, sempre que se cumpran as medidas de seguridade.

Na videoconferencia, informa a Xunta, participaron, en representación desta industria musical, a Asociación Galega de Orquestras, Gaias Eventos Musicais, a Asociación de Representantes Técnicos de Galicia e a Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega (Asevega).

O encontro permitiu expoñer e analizar as necesidades actuais das orquestras, un sector que, destaca o Goberno autonómico, "dá emprego a numerosas familias e xera actividade na comunidade, especialmente durante os meses de verán".

Os representantes da Xunta mostráronse favorables a que se poidan celebrar verbenas este verán e sinalaron que as condicións deben ser marcadas polo Goberno central mentres dure o estado de alarma, e, posteriormente, polos propios concellos.

En todo caso, indicaron que deben manterse as medidas de seguridade e en condicións diferentes ás habituais debido á crise sanitaria.