CRTVG

Buscar

A Xunta vai limitar a apertura de salóns de xogo e tendas de apostas

Publicado o 15/05/2019 22:27

A partir de mañá non se poderán abrir máis casas de apostas nin salóns de xogo en Galicia. A Xunta vai regular o sector cunha nova normativa que impedirá a apertura de novos establecementos deste tipo. Galicia queda así cunha ratio dunha casa de apostas por cada 17.000 habitantes, moi por debaixo doutras comunidades.

En Galicia hai agora mesmo 118 salóns de xogo e 41 locais de apostas deportivas, contando algúns que aínda non funcionan, pero que están en tramitación. E esa é a cifra que vai quedar como definitiva, porque a Xunta vai limitar a apertura de novos locais. O Goberno galego aprobará este xoves a nova regulación que lle pon couto ao sector.  

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta: "Temos que ter un xogo regulado e unha regulación fundamental é limitalo, que non haxa unha apertura indiscriminada de salóns de xogo. Con esta limitación, Galicia estaría nun ratio dun salón de xogo por cada 17.000 habitantes, cando hai comunidades que teñen 1 por cada catro mil persoas".

A Comisión do Xogo de Galicia apoia esta medida do Goberno galego. Fóra das súas competencias, a Xunta considera urxente modificar tamén a regulación das apostas online, algo que lle corresponde ao Goberno central.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/05/2019