A Xunta limita as xuntanzas públicas e privadas na cidade de Ourense a cinco persoas
• O Barco, Sanxenxo e Meis súmanse ás restricións
O comité clínico amplía as restricións en Ourense, que non consegue baixar o número de contaxios. As reunións limítanse a un máximo de cinco persoas en toda a cidade. Esta liitación aplícase xuntanzas no ámbito público e privado.
Os expertos insisten en que é fundamental extremar as medidas de prevención neste tipo de xuntanzas. Na cidade de Ourense hai máis de 300 casos por 100.000 habitantes. Con todo, as medidas restritivas para restauración e comercio só se manteñen no barrio do Couto.
Tres concellos adoptan restricións
Tamén entrarán en vigor novas restricións nos concellos no Barco de Valdeorras, Sanxenxo e Meis.
Mantéñense en Santiago, Lugo, Poio, Pontevedra, Marín, Ourense, Verín, Vilagarcía de Arousa, Vilanova e no Milladoiro (Ames).
As medidas foron xa publicadas no DOG e entrarán en vigor a partir desta medianoite.
Entre as restricións está a limitación ao 50% da capacidade dos establecementos comerciais, de restauración e hostalería, así como a prohibición do consumo en barra.
Tamén se limita ao 50% a capacidade nas bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado, entre outros.
As xuntanzas serán dun máximo de 10 persoas e reducirase a capacidade en celebracións, velorios e lugares de culto.
Por outra banda, levántanse as restricións impostas na Coruña, Lalín, Silleda e Vilaboa.
A Coruña quedará libre de restricións despois de case dous meses. A cidade herculina e a súa área de influencia foron o pasado 8 de agosto as primeiras zonas de Galicia nas que se aplicaron medidas extraordinarias pola súa situación epidemiolóxica.
En Lalín e Vilaboa estaban vixentes desde o 12 de setembro, e en Silleda aplicáronse hai dúas semanas.