CRTVG

Buscar

A Xunta levanta as restricións na Costa da Morte, pero inclúeas en Silleda e Marín

Publicado o 16/09/2020 12:46

• Consulta as novas medidas no DOG

• Apróbase o protocolo das visitas a residencias e dos centros de día

 

A Xunta decidiu esta mañá levantar as restricións nos municipios de Carballo, A Laracha, Ponteceso e Laxe, segundo as conclusións do comité clínico. "Na área da Coruña estase a constatar unha tendencia estable", indicou o novo conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña.

"É unha mostra de que as restricións funcionan" e que "en pouco tempo os valores volven a niveis  de normalidade", explicou o conselleiro, referíndose ao concello de Ponteceso, con medidas dende hai pouco tempo.

Noutro sentido, dada a situación epidemiolóxica en Silleda e Marín, o comité clínico decidiu incorporalos á lista de concellos con restricións. Non inclúen aquelas medidas referidas ao peche de centros de días e limitacións en residencias, de igual xeito que se fixo en Ponteceso e Pontevedra a semana pasada.

No caso de Silleda, dixeron os expertos, a incidencia a tres días é de 115,1 casos por 100.000 habitantes, mentres que en Marín é de 49,3, con 12 positivos nos últimos 3 días. O conselleiro, pola súa banda, foi relativamente optimista en relación aos datos do conxunto de Galicia, cunha incidencia acumulada a 14 días de 122 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 253 de media nacional.

As restricións permanecen activas, ademais en Lalín, A Guarda, O Rosal, Vilaboa e Poio, así como nas cidades de Santiago, Ourense,Lugo,  nalgúns barrios da Coruña e Arteixo. Entre outras cuestións, as restricións implican limitar as reunións a un máximo de 10 persoas, reducir as ocupación de lugares pechados e restaurantes ao 50 por cento e das terrazas ao 75%, tendo en contra que non se pode usar a barra nos bares, así como limitar asistentes a celebracións, velorios ou cultos relixiosos.

Do mesmo xeito, explicou que no ámbito hospitalario "de momento a situación está ben controlada", algo que permite "estar tranquilos". Entre outras cuestións, na reunión deste mércores tamén se deu luz verde á posta en marcha en Galicia da aplicación Radar Covid, implantada polo Goberno para detectar posibles contactos de risco.

As visitas a residencias limitaranse de acordo ao protocolo aprobado hoxe polo comité clínico consensuado con Política Social, que tamén contempla que non se pechen os centros de día e se leven a cabo medidas de seguridade para os máis maiores.