CRTVG

Buscar

A Xunta investirá 220.000 euros para mellorar a seguridade de ciclistas en 600 quilómetros de estradas

Publicado o 24/02/2020 13:28

Mellorar a seguridade dos ciclistas cando circulan por estrada. Este é o obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que vai investir máis de 220.000 euros en facer máis seguros seiscentos quilómetros da rede viaria galega.

Escolleron dez percorridos espallados polo país empregados habitualmente por ciclistas deportivos, xunto coa Federación Galega de Ciclismo. Nestas rutas van poñer sinalización viaria para que os condutores sexan conscientes de que é unha estrada frecuentada por deportistas e tamén manterán en boas condicións as beiravías, que é por onde circulan de xeito maioritario os ciclistas.

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade: "Os ciclistas deportivos van a maior velocidade, preferentemente, empregan a beiravía e polo tanto son usuarios con moita vulnerabilidade e debemos todos adminstracións, condutores, peóns, pensar que a estrada é de todos".

Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas: "Ao principio e ao final de cada ruta e nas principais interseccións das rutas con outras estradas que poida haber pois haxa un sinal identificativo que a todo vehículo que acceda a elas poida saber que se está entrando nunha desas rutas especialmente protexidas para ciclistas".

Juán Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo: "Hai cinco anos tiñamos unhas 6.000 licenzas deportivas en Galicia e agora estamos preto de 8.000 licencias deportivas de ciclismo federado. Somos a punta do icebreg porque hai moitísimos usuarios que non están federados".

Esta iniciativa presentouse hoxe na Coruña e queren tela en marcha no verán.

Noticias web

24/02/2020