CRTVG

Buscar

Evacúan os residentes non contaxiados das residencias de Barreiro, en Vigo, e de Aldán, en Cangas

Publicado o 31/03/2020 14:20

Militares da Brilat, do servizo veterinario da base pontevedresa de Figueirido e da UME chegaron á primeira hora á residencia de anciáns de Barreiro, en Vigo. Son especialistas en labores de desinfección. 

"Primeiro imos coordinar coa dirección do centro e coa xestora o desaloxo de todos os internos para poder acometer a desinfección completa do centro", aseguraba o tenente coronel Francisco Martín, da Brilat de Pontevedra.

Este xeriátrico da empresa DomusVi, con capacidade para 150 internos, é un dos intervidos pola Xunta. 71 maiores e 11 empregados están infectados por coronavirus. Os residentes non contaxiados vanse trasladar á residencia de tempo libre de Panxón.

"Nosoutros asesoramos como facelo. Os positivos deben tratalos os facultativos ou o persoal deste centro. Nos dicímoslles como deben facelo para evitar que haxa contaxios e se propague entre o resto do persoal".

Regan todos os espazos públicos e os cuartos cunha solución de lixivia que elimina o virus. Xa fixeron o mesmo o sábado no outro xeriátrico intervido, o de Aldán, en Cangas, tamén da empresa DomusVi. Con 105 residentes e dous traballadores afectados, o de Cangas é o principal foco de coronavirus en centros da terceira idade en Galicia.

As residencias de Barreiro e de Cangas converteranse en residencias integradas. Igual que a de Baños de Molgas, en Ourense, e a da Porta do Camiño, en Santiago, que, desde a semana pasada, acollen persoas maiores contaxiadas pola COVID-19.

 

Noticias web

31/03/2020