A Xunta intervén a residencia de Outeiro de Rei ao se sumaren 99 casos
• Hai xa 153 infectados: 139 usuarios e 14 traballadores
A Xunta decidiu intervir a residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei, tras o incremento no número de positivos por coronavirus rexistrado este martes.
Coa intervención sanitaria da residencia, do mesmo xeito que se fixo coa do Incio, tamén en Lugo, os profesionais do Servizo Galego de Saúde farán un seguimento médico "constante" dos usuarios desta residencia e supervisarán a "correcta aplicación" dos protocolos aprobados pola Xunta, indica a consellería nun comunicado.
Este martes, segundo Política Social, o departamento autonómico tivo coñecemento dos resultados do segundo cribado practicado na residencia, no que se realizaron 168 probas PCR tanto a residentes como a traballadores. Nel foron detectados 94 novos positivos entre os usuarios e cinco entre os profesionais.
Así as cousas, en total, nesta residencia o número de infectados polo virus ascende a 153 persoas: 139 usuarios e 14 traballadores, de acordo cos datos actualizados da consellería.
O domingo, a Consellería de Sanidade informou de dous falecementos con coronavirus no Hospital Lucus Augusti vinculados con residencias. Un deles foi a primeira vítima mortal deste gromo rexistrado no xeriátrico de Outeiro de Rei.
O centro comunica que hai 144 maiores afectados, 16 deles "estables" no hospital
Segundo os datos do grupo que xestiona o centro DomusVi, os usuarios da residencia de maiores de Outeiro de Rei que deron positivo en covid-19 soben a 144.
Dende o grupo concretan que 16 deles atópanse no hospital, pero están "estables" e a empresa espera que poidan regresar ás instalacións "en breve".
A directora asistencial de DomusVi, Fini Pérez, destacou tamén que, de acordo coas súas cifras, o 90% dos usuarios que resultaron contaxiados por coronavirus na residencia de Outeiro de Rei están asintomáticos, e que o 10% restante presentan sintomatoloxía "leve", como diarrea, falta de gusto e febrícula.
En total, nesta residencia o número de infectados polo virus ascende a 163 persoas: 144 usuarios e 19 traballadores, de acordo cos datos de que dispón a compañía (as últimas cifras da Consellería de Política Social eran 139 residentes e 14 profesionais, respectivamente).
DomusVi apela ao "cronograma" dos feitos para explicar o incremento de casos
A directora asistencial de DomusVi resaltou que tamén o grupo "reforzou" este centro con persoal propio, ademais de facer fincapé na comunicación coas familias dos usuarios e na posta en marcha dun plan con actividades cognitivas para aliviar a situación de confinamento dos residentes.
Ademais, DomusVi apela ao "cronograma" dos feitos para explicar o incremento dos casos positivos en covid-19, que este martes sumou outro centenar.
Así, Fini Pérez explicou que o día 11 de agosto pechouse o centro ás visitas e saídas (salvo excepcións) pola situación epidemiolóxica que atravesaba Lugo, "para evitar que entrase" o virus.
Os responsables da residencia tiveron coñecemento de dous positivos entre os traballadores o día 26, polo que ambas as profesionais, que desenvolvían as súas tarefas en dous módulos, "vanse á súa casa".
O día despois foi detectado outro positivo nun dos residentes, polo que "se activa o protocolo do Sergas" e esa fin de semana, segundo DomusVi, realizáronse probas PCR a "todos os residentes e traballadores" e "íllase" aos usuarios, polo que reivindica a "celeridade" na actuación.
Despois dunha vintena de positivos, non foi ata este martes 8 cando foron detectados outro centenar, xa que as PCR repetíronse este luns, segundo DomusVi.
Sobre este extremo, a responsable asistencial do grupo atribúeo ao "período de incubación" do virus e descarta que o contaxio producísese por outras vías.
"Zona acoutada"
Pola súa banda, o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, subliña que o Concello está desinfectando as inmediacións da residencia, aínda que sinala que se localiza nunha "zona acoutada" e precisa que entre os seus usuarios hai "moita xente" que non é do municipio.
En calquera caso, consciente da preocupación entre os veciños, advirte de que "algo non está a funcionar" cando se produciu "este nivel de contaxios", e valora que "tome o control a Xunta".
O BNG solicita un "cribado masivo"
O BNG pediulle á Xunta efectuar un "cribado masivo" para detectar infeccións por coronavirus entre a poboación do municipio lucense de Outeiro de Rei.
Ante a dimensión do brote, Elvira Lombao, portavoz do BNG no municipio criticou a "pasividade" do Goberno municipal fronte a unha situación "cada día máis preocupante".
Lombao asegura que están infectados "case o 75% dos usuarios" e critica ao alcalde pola súa actitude pasiva, ao asegurar que "segue en silencio, botando balóns fóra e evitando pedirlle á Xunta que actúe".
Pardo "está a poñer os intereses do Partido Popular por encima dos intereses dos seus veciños", dixo a representante local do BNG que convida aos demais grupos políticos establecer unha comisión de seguimento da pandemia.