CRTVG

Buscar

A Xunta intervén a residencia asilo de Vilalba tras detectar un gromo con 132 positivos

Publicado o 19/11/2020 19:14

• O comité clínico non descarta novas limitacións en Vilalba

• Lugo e varios concellos da provincia sitúanse baixo o foco de Sanidade

 

A Xunta de Galicia intervén a residencia asilo de Vilalba, na provincia de Lugo, co obxectivo de reforzar o persoal do centro despois de detectar un brote da covid-19 que, segundo os últimos datos, ascende xa a 132 positivos (114 usuarios e 18 traballadores).

Nun comunicado, a Administración autonómica explica que, unha vez avaliada a situación da residencia, a Consellería de Sanidade e Política Social decidiron tomar esta medida co obxectivo de garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde, tanto dos usuarios como dos traballadores do centro.

Deste xeito, un equipo de Política Social e outro do Servizo Galego de Saúde (Sergas) están xa desprazados no centro para facer un seguimento permanente sobre a situación dos residentes, así como para vixiar a correcta aplicación das medidas de prevención, seguridade e hixiene para facer fronte á covid-19 aprobadas pola Xunta.

Os profesionais do Sergas velarán pola continuidade dunha atención sanitaria adecuada na residencia. Para iso, parte dos usuarios contaxiados serán trasladados á residencia integrada posta en marcha no Cegadi, en Santiago.

 "Ata agora temos as mesmas restricións que o resto de Galicia, pero supoño que mañá o comité clínico as endurecerá, dependendo de como vaia o gromo na residencia de maiores", comenta a alcalde de Vilalba, Elba Veleiro.