CRTVG

Buscar

A Xunta insta os alcaldes da Mariña a sancionar os incumprimentos e estes reclaman máis recursos

Publicado o 03/07/2020 18:31

A Consellería de Sanidade instou este venres os alcaldes da Mariña, ante o brote con 59 casos positivos detectados, a que velen polo cumprimento das medidas de "control, vixilancia e limpeza" establecidas pola crise sanitaria da COVID-19. Pola súa banda, os rexedores pediron á Xunta información "puntual" e un reforzo da comunicación sobre a evolución dos casos, ademais dos suficientes recursos económicos e humanos para poder garantir o seguimento.  

O Sergas mantivo unha reunión telemática cos rexedores dos municipios de Foz, Burela, Xove, Ribadeo, Cervo e Viveiro para incidir na vixilancia e "o cumprimento das medidas de control e vixilancia establecidas no caso da COVID-19" e "fortalecer a prevención de contaxios na comarca".  Con todo, non abordaron de momento ningunha actuación extraordinaria máis aló de "garantir o cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias establecidas pola irrupción do coronavirus", aínda que os rexedores pediron recursos e que se atendan circunstancias específicas, como a celebración da ABAU en Viveiro que congregará preto de 300 mozos dos institutos da comarca.  

Sanidade lembrou, en termos xerais, a necesidade de cumprir as medidas de hixiene e prevención nas actividades públicas ou o control do aforamento dos establecementos.

"Todas elas deben respectarse para contribuír ao mantemento da distancia interpersoal de seguridade e así evitar as aglomeracións de clientes ou usuarios", indicou. 

Desde o Goberno galego insistiuse aos alcaldes en que reforzar a vixilancia e aplicar sancións, en caso de ser necesarias.

"Ante a necesidade de garantir a protección da saúde da poboación, as autoridades sanitarias, entre as que se inclúen os alcaldes, poderán, tras ser informada a súa poboación, incoar expedientes sancionadores, no caso de incumprirse as normas de prevención establecidas", subliñou.

Os municipios piden información e recursos suficientes

O alcalde de Foz, Francisco Cajoto, insistiu en que na reunión pediron a Sanidade información actualizada de persoas contaxiadas e confinadas por concellos e reclamaron á Xunta que "tome o liderado" ante o brote na Mariña.  

Desde Cervo, Alfonso Villares chamou a "estar alerta" para garantir o cumprimento das medidas de seguridade e pediu comunicación fluída "entre a Consellería" e a administración local. Do mesmo xeito reforzarase a información ao veciños, pero "sen crear unha alarma innecesaria".

"Os veciños teñen que saber que estamos a falar de saúde e a ninguén nos pasa desapercibido que non se pode mirar para outro lado", advertiu, para asegurar que se vixiará por "o cumprimento estrito das normas" que están vixentes para o día a día.   Así mesmo, indicou Cajoto, reivindicaron "recursos materiais e persoais para apoiar as administracións locais, que soportan o maior esforzo", aínda que non se expuxeron "medidas adicionais". 

 Este rexedor comentou que, como lles emprazaron a próximas reunións o martes e venres próximo, están á espera de coñecer medidas "en función da evolución" deste brote, para as que trasladaron o apoio dos concellos. "Pedimos un pouco máis de presenza á Xunta, que non se nos traslade toda a responsabilidade a nós", sentenciou. 

O alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro, ratificou que os rexedores solicitaron "información puntual e frecuente" sobre a evolución do brote e que incidiron en "concienciar á poboación" para "aumentar o máximo posible e extremar as medidas" de prevención, como o uso de máscara.  

A rexedora de Viveiro, María Loureiro, explicou que desde a Xunta defenden que os brotes están "controlados" e pídese aos rexedores "que extremen a vixilancia", pero lembrou que é algo que levan facendo con medidas de seguridade e control mesmo "por encima das súas posibilidades" desde o 14 de marzo. Neste sentido, demandaron "datos máis concretos" á administración para coñecer "o grao de propagación" do brote e a evolución da súa afectación, pero que de momento non se valorou adoptar ningún reforzo a maiores do uso de máscara, o lavado de mans frecuente e a distancia de seguridade

A ABAU

Viveiro, ademais, representa un caso especial respecto ao resto de municipios, posto que acollerá parte das probas de selectividade entre o martes e o xoves da próxima semana, cuns 305 alumnos dos institutos das proximidades. É por iso que a alcaldesa está a facer un "seguimento" especial e está á espera de se o Goberno galego decide adoptar "medidas extraordinarias" para reforzar a seguridade durante estes exames, a maiores do protocolo establecido por Educación e as diversas obrigacións de prevención individual. En todo caso, chamou a "non baixar a garda", pero a manter a "tranquilidade" aos veciños, para non alarmar a poboación.

O 12-X

 A rexedora de Viveiro considerou que "hai que facer algo" a maiores do protocolo publicado no 'Diario Oficial de Galicia', porque hai persoas "que non van poder ir votar", con 59 casos positivos e unhas 600 persoas confinadas en toda a comarca da Mariña. 

De momento, os rexedores adaptaron os recintos onde situarán as mesas electorais segundo os parámetros indicados pola Administración galega, pero a situación que viven estes municipios deixará varios cidadáns sen poder acudir aos seus colexios. 

Noticias web

03/07/2020