A Xunta insta a TikTok a que reconsidere a súa política lingüística e acepte o galego
A Xunta segue sen recibir resposta da plataforma TikTok. É a segunda carta que lle envían a esta rede social por vetar un anuncio institucional por estar en galego.
Con esta campaña bautizada como a #aculturasegue a Xunta pretende fomentar o consumo cultural, un dos sectores máis castigados durante a pandemia. Por iso queren chegar ao maior número de persoas e sobre todo á xente máis nova e iso pasa por publicitarse nas redes sociais.
Unha delas, TikTok, vetou o anuncio por estar en galego. Dende a Xunta instan a multitucional a que reconsidere a súa política ligüística e acepte o uso do galego como a lingua oficial que é.
Os máis novos recean do uso do galego nas redes por medo a perder seguidores. Non hai escaparate promocional que teña un efecto multiplicador máis grande que as redes sociais, por iso todos queren estar e por iso tamén a Xunta vai seguir loitando porque TikTok e en xeral todas as redes sociais acepten o galego.
A Xunta púxose en contacto xa por dúas veces con esta plataforma. Só contestaron á primeira. Non é a primeira vez que o galego ten que reclamar o seu status: con Twitter conseguírono grazas tamén á presión social, e con Google están avanzando moito. Agora os usuarios de TikTok tampouco queren quedar calados.