CRTVG

Buscar

A Xunta incorpora 70 desfibriladores en albergues públicos para facer o Camiño máis seguro

Publicado o 23/07/2019 19:18

A Xunta de Galicia incorporará desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) nos 70 albergues públicos da Comunidade para converter o Camiño de Santiago nun espazo "máis seguro" e "cardioprotexido". Neste senso, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinaron este martes un acordo de colaboración entre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Axencia Turismo de Galicia para a instalación de DESA e a formación do persoal dos albergues públicos.

Ao acto, levado a cabo na Oficina de Acollida ao Peregrino en Santiago, tamén asistiu o director de Urxencias Sanitarias de Galicia, José Flores Arias.

"Imos dotar os albergues da tecnoloxía necesaria para lograr que no hipotético caso de que haxa un problema cardiovascular poida haber as ferramentas e a formación necesaria por parte dos profesionais dos albergues para dar unha resposta rápida e impedir que a cuestión vaia a máis", destacou este martes o conselleiro de Cultura.  

Segundo sinalaron, a conversión do Camiño de Santiago nun espazo cardioprotexido "constitúe unha iniciativa pioneira en todo o territorio nacional" e consegue implementar as recomendacións das principais sociedades científicas, que certifican que a aplicación temperá dos DESA constitúe unha das estratexias "máis efectivas" para mellorar o prognóstico de morte súbita.

Noticias web

23/07/2019