CRTVG

Buscar

A Xunta identifica oito posibles compradores para a planta de Vestas, pero critica a "falta de boa fe" da empresa

Publicado o 25/10/2021 17:56

• A conselleira de Emprego acusa o Goberno e a compañía de realizaren unha "negociación en paralelo e por detrás"

Nova xuntanza da Mesa Industrial de Vestas en Santiago entre a Xunta e o Comité de Empresa da factoría danesa de eólicos. Os representantes dos traballadores manifestaron sentirse desilusionados ante o que cualificaron de falta de avances que despexen o seu futuro. Sinalaron que a dirección está a dinamitar a busca dun posible comprador.

 "Moi pouco avance real porque a empresa está entorpecendo totalmente todas as posibilidades. Á empresa non lle interesa que salvemos a industria da Mariña, á empresa só lle interesa acabar co expediente canto antes e esquecerse de que existe unha fábrica en Viveiro", cre o presidente do comité de empresa de Vestas.

Para a Xunta de Galicia, a prórroga por parte da empresa de só catro días hábiles das consultas do Expediente de Regulación de Emprego non deixa apenas marxe para a busca dun posible comprador. Aínda así, a conselleira de Emprego sinalou que xa iniciaron contactos con ata cen empresas nacionais e internacionais.

"En canto ao Goberno da Xunta, trasladamos á mesa industrial que avanzamos nesa busca de eventuais compradores, identificamos 100 empresas nacionais e internacionais; desas cen empresas, oito, que son as que serían máis viables do obxecto social para adquirir esa factoría", sinala a conselleira de Emprego.

Antes da xuntanza os traballadores de Vestas manifestáronse polas rúas de Santiago para reclamar unha solución para o seu futuro laboral ante o ERE extintivo que deixará na rúa 115 empregados da fábrica de Viveiro.

Noticias web

25/10/2021