CRTVG

Buscar

A Xunta realizará test de antíxenos para que non dispoña da pauta completa de vacinación

Publicado o 23/07/2021 19:39
A Xunta realizará test de antíxenos para que non dispoña da pauta completa de vacinación

A Xunta de Galicia habilitará este sábado dispositivos móbiles en diferentes puntos das sete grandes cidades galegas onde ofrecerá a realización de tests de antíxenos á poboación que non dispoña da pauta completa de vacinación, así como a expedición do correspondente certificado co resultado desta proba. Así o informou a Consellería de Sanidade nun comunicado.

Os dispositivos contarán con persoal de enfermaría e funcionarán en horario de mañá de 12:00 a 14.00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.   A Xunta realiza esta experiencia piloto coa intención de "aumentar a capacidade diagnóstica de Galicia" e quere, deste xeito, "axudar á cidadanía galega a familiarizarse con este sistema co que se verá obrigada a convivir mentres a situación epidemiolóxica non mellore e o proceso de vacinación non alcance a unha porcentaxe aínda maior da poboación". 

Localizacións dos puntos móbiles

Na Coruña, o punto de realización de test de antíxenos instalarase no Pavillón de Deportes de Riazor; en Lugo, na Praza Maior; en Ourense, no Xardín do Posío; en Pontevedra, na Praza de España; en Santiago, na Praza Roxa; en Vigo, na contorna do Náutico; e, en Ferrol, na Praza da Constitución.

 

Noticias web

23/07/2021