CRTVG

Buscar

Bares e restaurantes e actividades non esenciais botan o pecho en 60 concellos

Publicado o 05/11/2020 00:42

• Amplíanse as contornas das cidades con peche perimetral

• Feijóo: "As restricións son para evitar un confinamento domiciliario"

• O DOG atrasa a entrada en vigor destas medidas ao sábado

As novas restricións nas cidades e en máis de 50 municipios para facer fronte á propagación do coronavirus entrarán finalmente en vigor o sábado á medianoite, tal e como recolle a orde da Consellería de Sanidade publicada ao fío da medianoite deste xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A pesar de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixera en confererencia de prensa este mércores que as novas restricións, incluído o peche dos bares e restaurantes e novos confinamentos perimetrais, entrarían en vigor ás 15:00 horas deste venres, a orde do DOG atrasa a súa efectividade nove horas, ata a medianoite do sábado, excepto no municipio ourensán do Carballiño, onde arrincaron este xover á medianoite.

A orde tamén explicita que a eficacia das medidas se estenderá ata as 15:00 horas do 4 de decembro, xusto antes do ponte da constitución. En calquera caso, explicita que estas "serán obxecto de seguimento e avaliación continua", co que "poderán ser modificadas ou levantadas antes.

As novas restricións máis destacadas son o peche de actividades consideradas non esenciais, incluídos os establecementos de hostalería, salvo os servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local. No caso dos establecementos de restauración de centros sanitarios ou para traballadores dunha empresa, nada máis poderán manter o servizo de cafetería, bar e restaurante e non poderán superar o 50 % da súa capacidade.

As zonas que estarán baixo un peche perimetral son: A Coruña, xunto con Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros; o concello de Lugo en solitario; Santiago, con Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; Ferrol, con Ares, Fene, Neda, Narón e Mugardos; Ourense, con Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao e Toén; Pontevedra, con Vilaboa, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior, e Vigo con Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela.

Tamén terán as mesmas restricións os concellos con taxa acumulada a 14 días superior a 200 casos por 100.000 habitantes e tendencia ascendente na notificación destes: Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores que establecerá a partir do sábado o peche de actividades non esenciais, incluída a hostalería, e o peche perimetral para o 60 por cento da poboación galega.

Nunha comparecencia para informar sobre as medidas acordadas polo comité clínico reunido de novo este mércores, explicou que estas medidas afectarán un total de 60 municipios, que inclúen as sete cidades e as súas zonas de influencia, e tamén 14 localidades máis pequenas que presentan altos índices de contaxios.

Feijóo asegurou que esta é unha decisión "difícil" que ademais se manterá en vixencia durante un mes, aínda que nese tempo poderá revisarse. Son medidas para "o ben común" da poboación galega ante a "situación preocupante" da evolución da pandemia. 

As urbes e outros municipios xa estaban en peche perimetral, aínda que as restricións para as zonas con estas condicións se endurecen. Con todo, tamén hai catro concellos ourensáns que quedan fóra do novo peche perimetral tras melloraren os seus datos epidemiolóxicos: Oímbra e Vilardevós, que estaban en peche perimetral con Verín, e O Irixo e Boborás quedan fóra da listaxe de 60 municipios dados pola Xunta. 

En todas estas zonas acometerase un peche perimetral e a mobilidade quedará limitada ao interior da améndoa perimetral que define o Executivo autonómico. En todo caso, estarán permitidos o 100 % dos movementos para ir traballar, á escola, atender coidados necesarios de menores e maiores e para todos os movementos sanitarios. E o comercio funcionará cos mesmos criterios do resto de Galicia.

Nos restantes 253 municipios galegos quedarán homoxeneizadas as restricións de acordo coas últimas decisións autonómicas. Así, non haberá restricións de mobilidade, pero non se poderá entrar nos 60 concellos pechados salvo excepción xustificada para realizar unha actividade esencial.

Este mércores, ademáis, Feijóo anunciou novas medidas tamén para o resto de Galicia; por exemplo, que nas reunións poderán haber ata seis persoas non conviventes (ata o de agora había un límite dun máximo de cinco, e así tamén se homoxeneiza a directriz galega ao marco estatal).

Coa mesma premisa, redúcese a un terzo a capacidade nas zonas comúns dos centros comerciais, aínda que se mantén a do 50 % no interior das tendas. Ademais, a Xunta decidiu que o transporte público non escolar tamén reducirá a súa ocupación e vetaranse as saídas de usuarios das residencias.

Feijóo: "As restricións son para evitar un confinamento domiciliario"

Núñez Feijóo asegurou que as restricións adoptadas este mércores son para "tentar evitar un confinamento domiciliario". Explicou, ademais, que para o resto de Galicia, onde non se endurecen as limitacións que entrarán en vigor o venres ás 15 horas, ampliarase ata seis o número máximo de persoas por reunión, que agora estaba en cinco.

Feijóo advertiu de que ante o virus nunca se pode "descartar" ningunha posibilidade, incluído o confinamento, pero que a Xunta tenta anticiparse para non chegar a esa situación.

De feito, explicou que as restricións teñen como obxectivo rebaixar a tensión hospitalaria e nas residencias de maiores e centros de discapacitados e tamén outro propósito, "máis difícil de alcanzar", que é "tentar salvar a campaña do Nadal", sobre todo para a hostalería, que terá que pechar excepto para pedidos de comida a domicilio.

Ademais, dixo que a Xunta ten previsto manter o toque de recollida entre as 23 e as 6 horas que estableceu o Goberno, a pesar de que a partir do luns as comunidades poderán eliminar esta limitación.