CRTVG

Buscar

A Xunta fará probas piloto para eventos de ata 1.000 persoas de pé

Publicado o 25/05/2021 14:55

Se a pandemia o permite, concertos e verbenas regresarán a Galicia no mes de xullo. Serán ao aire libre e con rexistro de asistentes. A Xunta ensaiará o novo protocolo con probas piloto durante o mes de xuño.

A nova folla de ruta para concertos e verbenas probarase en 5 puntos de Galicia o 19 de xuño. Nestes ensaios, ademais dos artistas e do público estará Serfega, a asociación de empresas que prestan servizos neste tipo de eventos.

Serán probas piloto con orquestras e menos de 1.000 persoas de pé, que non poderán consumir dentro da pista acoutada, pero si bailar cos da casa. En todo caso, serán ao aire libre, con máscara e rexistro de asistentes.

Para os concertos e festivais de entre 1.000 e 10.000 persoas, como poderían ser os grandes eventos do Xacobeo, o protocolo esixe estar sentados, sectorizados en grupos burbulla e gardando as distancias.

Se as probas saen ben e a evolución da pandemia o permite, este tipo de concertos e verbenas ao aire regresarían no mes de xullo. Con eles volverá tamén a festa, a cultura e o comezo da reactivación dun dos sectores máis castigados pola pandemia.




 

Noticias web

25/05/2021