A Xunta fai un chamamento a vacinarse a 200.000 galegos que aínda non o fixeron

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fixo este mércores un chamamento para vacinarse contra a covid−19 ás 200.000 persoas, un 8 % da poboación diana (maiores de 12 anos), que non acudiron poñer a vacina.
O conselleiro asegurou que aínda quedan ocos de autocita para este venres, para o que se habilitaron 30.000 para maiores de 20 anos, dos que polo momento só cubriron arredor dun 50 %.
"É moi fácil facer un clic e obter unha cita", dixo García Comesaña, quen garantiu que por parte da Xunta vanse facer "todos os esforzos" para que ninguén quede sen vacinar.
De momento, o Sergas aínda non contempla a posibilidade de abrir os puntos de vacinación sen cita previa, aínda que é algo que non descarta facer nun futuro.
García Comesaña destacou que en Galicia un 91,2 % da poboación diana xa conta cunha dose da vacina, e un 95,7 % dos maiores de 40 anos ten a pauta completa. Entre as persoas de 20 a 29 anos o 75,5 % recibiu unha dose, un total de 180.000.
Entre os 12 e os 19 anos a porcentaxe de adherencia á vacina é do 85 %, uns 150.000. O conselleiro cualificou o dato como "francamente bo", que sitúa a Galicia como a comunidade con máis poboación desta idade que conta cunha dose da vacina.