CRTVG

Buscar

A Xunta propón viaxes de volta gratis para os turismos e descontos do 60% para camións na AP-9

Publicado o 20/02/2021 18:19

"Paréceme que no resto de España están máis baratas que aquí". "As empresas eu creo que non dan feito para gañar para as peaxes". "Eu gasto uns 200 euros, fago a diario Vigo-Pontevedra e ás veces por traballo teño que ampliar Á Coruña e Santiago", din tres usuarios da Ap-9.

Son as reclamacións dos condutores habituais da Ap-9. A proposta da Xunta busca precisamente abaratar as peaxes para os usuarios que utilizan a vía con maior frecuencia. Así, establece a viaxe de volta gratuíta para os condutores que circulen por ela polo menos dúas veces á semana. E un desconto adicional na ida do 25 por cento para os que regresan en 24 horas.

A Consellería de Infraestruturas agarda que o Goberno central acepte o seu plan e mobilice os 50 millóns consigados nos orzamentos . "Para que sexan unhas bonificacións nas que gañen os galegos e os petos dos galegos. É dicir, sacarlle o maior beneficio a eses 50 millóns de euros que están nos orzamentos xerais do estado que non se materializan", di Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidadade.

O plan contempla tamén un desconto do 60 por cento para os camións, unha medida que, din, revertería nunha mellora na competitividade das empresas e na redución de accidentes nas estradas convencionais.

"Son vías polas que a día de hoxe os vehículos pesados están escapando de pagar as peaxes e o obxectivo é que eses vehículos pesados pasen á autoestrada", afirma Francisco Méndez, director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas.

Similar desconto do 60 por cento para as familias numerosas e os vehículos ecolóxicos. En horario nocturno a Xunta aposta por reducir a peaxe á metade.

Noticias web

20/02/2021