A Xunta estuda o certificado covid para o lecer nocturno ou se a incidencia se dispara
• O certificado covid segue divindo o sector hostaleiro
• O Goberno entende que o pasaporte covid non pode instaurarse con cáracter xeral
EP
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, proclamou o "éxito clínico e xurídico sen precedentes" ao obter a primeira sentenza do Tribunal Supremo que avala o uso do certificado covid-19, algo que atribuíu á "documentación e acreditación" adecuadas e á "correcta" delimitación do "territorio exixible".
Neste novo escenario, Feijóo esperou que agora o Goberno central, contra o que arremeteu por non atender esta petición de Galicia con anterioridade, "incorpore á lexislación a esixencia do certificado covid nos momentos de contaxios superiores ou determinadas actividades para que se fagan sen límite e volver á actividade económica" plena.
O mandatario autonómico recoñeceu que a incidencia da covid-19 actual en Galicia non é a que se correspondería coa esixencia do certificado, pero avanzou que se estudará como aplicar a sentenza que "avala ao mil por cen" a postura da Xunta. "Aplicaremos a sentenza no caso de que volvan subir os índices de contaxio naqueles territorios onde os índices estean altos", explicou Feijóo, quen lembrou que en Galicia agora "non hai un índice suficiente" para exercitar esta petición.
Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou tamén o "apoio" á tese do Goberno autonómico que dicía que "en determinadas circunstancias", o certificado covid é "unha ferramenta útil e procedente". Ademais, considerou que é unha "ferramenta "útil para as negociacións que están en marcha" con respecto ao lecer nocturno, por iso apuntou que a Xunta vai estudar "ata que punto se pode usar e ata que punto é procedente". "Imos ver que uso máis amplo, especialmente en protocolos que están por pechar", apostilou, suxerindo un posible uso para o lecer nocturno a estudar.
Feijóo insta ao PSOE a pedir "perdón" por "usar politicamente a pandemia"
O presidente da Xunta instou ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e por extensión a todo o seu partido a que pidan "perdón" por usar "politicamente" a pandemia. Un día despois da decisión do TS, Feijóo e Caballero volveron a atoparse cara a cara no hemiciclo durante a primeira sesión de control do curso político, celebrada na mañá deste mércores no Parlamento galego, onde o presidente galego sacou peito polo 'si' da xustiza ao certificado covid.
"O Tribunal Supremo considera que as actuacións da Xunta foron idóneas, necesarias e proporcionadas. Que quere que lle diga despois dunha sentenza que vostede despreza", espetou Feijóo en dirección a Caballero despois de que este citase o rexeitamento do TSXG á implantación desta medida na hostalaría na batería de "problemas" que, ao seu xuízo, ten a Xunta "alá onde ten competencias".
Segundo o socialista, a Xunta "marchou de vacacións" sen "xustificar" ante a xustiza unha medida que afectaba a "dereitos fundamentais" da cidadanía. "E agora que xa non o queren aplicar felicítanse por unha decisión dos tribunais sobre un caos que vostedes crearon", apostilou Caballero. Na súa resposta, Feijóo espetou que o seu goberno solicitou autorización aos tribunais sobre a implantación do pasaporte covid "cando se nos dixo que podía afectar os dereitos fundamentais" dos cidadáns. A continuación, o mandatario autonómico incidiu en que quen debe pedir "desculpas" é o Partido Socialista de Caballero por usar "politicamente" a pandemia en Galicia e, en España, empregar "un estado de alarma inconstitucional".