CRTVG

Buscar

A Xunta estuda que facer cos concellos en risco alto despois do estado de alarma

Publicado o 05/05/2021 14:42

Alberto Núñez Feijóo di que queren escoitar o que se decida esta tarde no Consello Interterritorial de Saúde entre o Goberno e as comunidades autónomas antes de reunir mañá o comité clínico galego para acordar e anunciar as normas que rexerán en Galicia tras o estado de alarma. As medidas, di o presidente da Xunta, teñen que ser acordes coa situación epidemiolóxica, e por iso prevé unha ampliación de horarios e a retirada do toque de recollida, pero tamén ofrecer garantías xurídicas. E aí está a principal preocupación da Xunta: que facer cos concellos en risco alto.

Feijóo di que queren que as novas normas entren en vigor este mesmo sábado. "Que non haxa estado de alarma non significa que non haxa comunidades en risco extremo e, no caso de Galicia, que non teñamos concellos en risco extremo. E a consideración que a asesoría xurídica da Xunta está estudando é que podemos facer sen estado de alarma nin lexislación específica neses concellos para evitar gromos e que un problema puntual se converta nun problema provincial ou autonómico".