A Xunta activará axudas para o lecer nocturno e o protocolo para a desescalada
O Goberno galego vai establecer unha liña de axudas específicas para os locais de lecer nocturno por un valor inicial de catro millóns de euros. Mentres, segue a negociar co sector as probas piloto para unha posible reapertura en xuño, se a situación epidemiolóxica o permite.
Anunciouno o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro da Presidencia, Alfondo Rueda, logo da xuntanza mantida por videoconferencia con representantes destas empresas, en que tamén estivo presente o titular de Sanidade, Julio García Comesaña.
Durante o encontro, entregáronlle unha proposta de protocolo para desenvolver as probas piloto previas á reapertura e, nos vindeiros días, haberá unha nova reunión para "seguir avanzando". O obxectivo, segundo Rueda, é que sexan unha realidade "antes de que remate o mes de maio".
A Xunta e o sector do ocio nocturno traballan da man para poder avanzar na desescalada. Xuntos planifican unha reapertura progresiva coa vista posta no mes de xuño.
Para ter as máximas garantías sanitarias, antes haberá que facer unha serie de probas piloto, a modo de ensaio. Faranse en varios pubs e discoteca da comunidade, con controladores de CO2, uso de máscara e control de ocupación.
O sector vai máis alá, e propón tamén facer tests aos asistentes tanto antes de entrar coma uns días despois para realizar un seguimento.
Perspectivas do sector
Para Luis Diz, presidente de Galicia de Noite, o ideal sería que o ensaio recrease unha "sesión" que incluíse todos os movementos que se producen unha noite normal nun pub como "ir ao roupeiro, á pista de baile e á barra".
O sector cre que as PCR de saliva poden servir para reabir con garantías e pensan no verán como data para retomar a actividade. A Cheché Real, presidente da Asociación de Hostalería de Lugo, gustaríalle poder abrir "como mínimo ata a unha da madrugada e poder usar a música".
No canto ao plan de axudas específicas, o vicepresidente primeiro considera que estes negocios están nunha "situación complicada" porque, dentro da hostalería, son os que levan máis tempo sen traballar. Por iso, engade, o Goberno galego "entende que necesitan un apoio especial".