CRTVG

Buscar

A Xunta esixiralle ao Goberno e a Naturgy unha solución ao peche de Meirama

Publicado o 08/05/2019 21:42

A Xunta vaille esixir a Naturgy e ao Goberno central que concrete as medidas anunciadas para paliar o peche da central de Meirama o ano que vén e no que están en xogo douscentos empregos entre directos e indirectos. É o compromiso ao que chegou o conselleiro de Economía co Comité de Empresa. Os representantes dos traballadores piden a mediación do Goberno galego para que consiga que o Ministerio de Transición Ecolóxica concrete cales son os investimentos que anunciou tras coñecerse o peche de Meirama. Tamén pide o comité de empresa que Naturgy concrete as alternativas que anunciou.

Bautista Vega, presidente do Comité de Empresa de Meirama: "Que vai pasar co noso centro, que investimentos vai haber ou non para que se manteñan os postos de traballo que actualmente hai ou que, polo menos, a maioría deles, tanto da empresa principal como das auxiliares. Foi o que lle trasladamos ao conselleiro e agardamos que intercedan porque sabemos que a Administración galega ten capacidade para facelo".

Francisco Conde, conselleiro de Economía: "Que haxa unha resposta con actuacións concretas por parte do Goberno e por parte de Naturgy. Entendemos que as dúas partes que decidiron pechar Meirama, nese proceso de transición, teñen que asumir ese compromiso e, polo tanto, nós, desde a Xunta de Galicia,  esixiremos ese compromiso tanto por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica como por parte da empresa Naturgy".

Noticias web

08/05/2019