CRTVG

Buscar

A Xunta envíalles aos concellos os mapas cos niveis de alerta por municipio

Publicado o 09/10/2020 07:39

A Xunta empezou hoxe a enviarlles aos concellos os mapas cos niveis de alerta por municipio, en cumprimento do acordo alcanzado o martes pasado entre a administración galega, as entidades locais e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Os mapas vanse publicar dúas veces á semana.

Preme aquí para consultar os mapas

Nun primeiro mapa vemos os concellos cos niveis de alerta para os casos acumulados nos últimos sete días. A práctica totalidade de Galicia está en cor verde, é dicir, nivel 1, que significa que hai menos de sete casos novos á semana. 

No lado contrario están os concellos en vermello, practicamente concentrados na provincia de Ourense: a capital, O Carballiño, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, O Barco de Valdeorras, Monterrei e Verín.Tamén están en vermello Marín, na provincia de Pontevedra, e Ames, na provincia da Coruña.

Nun segundo mapa vemos os niveis de alerta para os casos acumulados nos últimos 14 días. A situación é practicamente a mesma, coa diferenza de que desaparece a cor vermella do concello de Marín, que neste cómputo bisemanal aparecía en nivel 3, é dicir, entre 14 e 20 novos casos.