CRTVG

Buscar

A Xunta envía o requirimento do IVE a Madrid

Publicado o 06/02/2020 14:59

Mañá reúnese o maximo organo para falar de financiamento, pero non da débeda coas comunidades que reclaman Galicia e outras, como Castela-A Mancha e Aragón. Con todo, o delegado do Goberno, o socialista Javier Losada, cre qué é unha oportunidade para tratar os cartos pendentes.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou de que Galicia volveu cumprir o obxectivo de déficit público en 2019 ao pechar o exercicio entre o 0,09 e o 0,08% por baixo da cifra de 0,1% autorizada polo Estado. "Un ano máis, cumprimos todos os requisitos, Galicia cumpriu e executou os seus orzamentos, cumpriu sen excederse o déficit autorizado, diminuíu a débeda pública e está a pagar en metade do prazo esixido para as administracións públicas", sostivo.

Diso informou o titular do Goberno galego na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que detallou que nesta cifra non se computan os 204,7 millóns pendentes de pago do IVE por parte do Executivo estatal. Xa a pasada semana, o propio Feijóo asegurou que "en ningún caso" aceptaría que se considerasen como déficit das comunidades. Precisamente, o máximo mandatario autonómico tamén informou de que este mesmo xoves a Xunta enviou ao Goberno central o requirimento polo que se iniciará a vía xudicial no caso de que no prazo dun mes non se solucione a débeda pendente do IVE con Galicia. "Hai un prazo dun mes para contestar e, se non é así, levaremos o Goberno aos tribunais", manifestou.

Segundo detallou, este documento, de "uns 18 folios", "expón que se recoñeza a existencia dun desfasamento financeiro respecto á Comunidade autónoma de Galicia, que se compense en consecuencia a Comunidade autónoma de Galicia de forma inmediata por ese desfasamento valorado en 204,7 millóns e que se aboen os intereses legais da débeda", manifestou. Do mesmo xeito, indicou que tamén esixe que se "adopten todas as medidas e actos necesarios para transferir a Galicia a cantidade debida" e "que isto non teña nada que ver co cómputo que poida facer Facenda de déficit público para as comunidades".

Noticias web

06/02/2020