A Xunta Electoral rexeita suprimir as conferencias de prensa do Consello de Ministros
A Xunta Electoral mantén as conferencias de prensa do Goberno posteriores ao Consello de Ministros. O órgano arbitral desesti¡mou senllos recursos de PP e Ciudadanos, que pedían a súa prohibición por un suposto uso electoralista.
Os 13 membros da Xunta Electoral Central aclaran a primeira gran controversia da precampaña: as comparecencias de prensa do Goberno non vulneran a lexislación electoral. O órgano arbitral afirma que na do pasado venres, a primeira tras a chamada ás urnas, non houbo alusións aos logros do Executivo. E di que non pode decidir nada sobre as futuras polo seu carácter hipotético. Rexeitan así os recursos de PP e Ciudadanos, aínda que tanto eles como Podemos, coinciden en denunciar o uso electoralista das institucións.
Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Ciudadanos vai levar no seu programa electoral a supresión do decreto lei porque nos parece unha medida obsoleta e moi pouco democrática sen pasar polo Parlamento. Pero ademais é que Sánchez non só usa o decreto lei como xa o fixo Rajoy senón que o está usando literalmente como acto electoral".
Noelia Vera, covoceira de Podemos "É evidente que están utilizando as institucións, os ministerios, as conferencias de prensa para facer o que non foron capaces de facer durante todos estes meses no Congreso dos Deputados e que puideron sacar adiante".
José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE: "Hai que ver la desesperación de algúns á situación tan esperpéntica que nos queren levar. Que quere dicir, que o Goberno non vai poder comunicar, exercer a súa obrigación de comunicar os seus acordos?".
Pablo Casado, presidente do PP: "O Goberno actual fixo un uso partidista de todas as institucións, non só do CIS, dos medios de comunicación públicos, senón que agora o intenta facer coa Deputación Permanente, mesmo poñéndolles un slogan a eses venres sociais, que é algo absolutamente inédito na nosa historia. Pido que deixen de facer política os venres no Consello de Ministros e que se quere debater o faga nun cara a cara como veño demandando desde hai semanas".
O PP insiste en que usará toda a súa forza legal, sen aclarar se iso significa un recurso ante o Constitucional.