CRTVG

Buscar

Os galegos poderán votar por correo sen saíren da casa

Publicado o 28/05/2020 21:22

A xunta electoral central decidiu que os carteiros poidan "dar fe" da recepción do voto e outorgoulles a capacidade de recoller nos domicilios os sobres das persoas que elixan exercer así este dereito nas eleccións previstas para o próximo 12 de xullo en Galicia, na liña do que solicitou a Xunta.   

De feito, informou deste acordo o Goberno galego, que enviou á xunta electoral varias peticións para garantir o dereito a voto e as medidas sanitarias aos cidadáns. O acordo da xunta electoral recolle varias demandas da Xunta, como organizadora dos comicios que é, que insta a fomentar o voto por correo.   

A xunta electoral aceptou parcialmente a proposta do Goberno galego de que se poida realizar por vía telemática, mediante un sistema que acredite a identidade do solicitante, a petición do voto. Neste sentido, o árbitro electoral matiza que debe facerse esta petición a través da páxina web de Correos mediante firma electrónica.

En canto á posibilidade de establecer protocolos para facilitar o emprego deste sistema de votación, a xunta electoral recolle que o persoal de Correos que entrega a documentación electoral no domicilio do votante, unha vez comprobada a súa identidade e recibidos os sobres electorais, "ten a posibilidade de devolvelos xa cubertos", de maneira que o elector recibirá "un xustificante que acredite que xa exerceu o seu dereito a voto". 

De todos os xeitos, a xunta electoral central aclara que esa é unha posibilidade opcional e "extraordinaria", cunha interpretación especial da lei para esta ocasión por causa da pandemia, pero a fórmula presencial na oficina de Correos deberá seguir vixente como ata agora nos prazos establecidos.

Concretamente, está aberta a posibilidade de solicitar o voto por correo ata o 2 de xullo, e poderase emitir ata o 8. 

Nun comunicado, o Goberno autonómico considera "cumpridas as demandas" da Xunta para que a xunta electoral e o Ministerio do Interior "adopten medidas que favorezan que os cidadáns poidan exercer o dereito a voto de sufraxio activo sen acudir ao local electoral o día da votación".

A Xunta tamén propuña no seu protocolo ampliar o prazo do voto por correo ata dous días antes das eleccións. Sobre esta cuestión, a xunta electoral non se pronuncia e unicamente fai referencia nun dos puntos da resolución aos "prazos establecidos", que son os xa mencionados.   

Na súa resolución, a xunta electoral pide dar traslado do acordo tanto ás administracións de Galicia, e á do País Vasco, que tamén realiza eleccións o próximo 12 de xullo.