A Xunta Electoral ordena retirar os lazos e leva a Torra á fiscalía
A Xunta Electoral Central actúa contra Quim Torra por esquivar a súa orde de retirar os lazos amarelos. Na xuntanza celebrada esta tarde, os maxistrados da Xunta acordaron ordenar a Interior que retire as pancartas do Palau de San Jaume, abrir un expediente sancionador contra o presidente da Generalitat e instar a fiscalía a que o persiga por desobediencia. Quim Torra mandou retirar as pancartas con lazos amarelos, pero só para substituílas por outras coa mesma mensaxe.
Era a estrataxema de Quim Torra para esquivar a orde da Xunta Electoral: substituír os lazos amarelos por outros brancos, mantendo o lema de liberdade para os presos e acompañando todo doutros símbolos apelando á liberdade de expresión. Pero ao órgano arbitral non lle vale: dirixiuse á Consellería do Interior para que, á súa vez, lles ordene aos Mossos d'Esquadra a retirada de toda a símboloxía independentista. Ademais, abre expediente sancionador a Torra e denúnciao ante a Fiscalía, que agora deberá determinar se hai base para acusalo de desobediencia. Antes desta resolución, o PP chamoulle trilero a Torra e Ciudadanos acusouno de apropiarse de edificios de todos os cataláns.
Inés Arrimadas, Ciudadanos: "Pasaron olimpicamente das resolucións da Xunta Electoral Central porque non lle teñen respecto a máis de media Cataluña nin á democracia".
Pablo Casado, presidente do PP: "Sánchez é quen pode facer uso da Lei de seguridade nacional ou de seguridade cidadá para que os Mossos d'Esquadra e as gardas urbanas cumpran cos requirimentos que as autoridades independentistas non están facendo, que é garantir o espazo público neutral".
Mentres tanto, o presidente do Goberno lémbraballe a Torra que as institucións públicas son de todos.
Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "O que teñen que facer é respectar esa neutralidade e esa concepción da institución plural, non patrimonializala como están facendo algúns actores políticos independentistas. O Goberno estará ao que lle diga a Xunta Electoral Central, con serenidade pero tamén con moita determinación".
O delito de desobediencia supón de 6 meses a dous anos de inhabilitación.