CRTVG

Buscar

A Xunta Electoral dálle de prazo á Generalitat ata as tres da tarde para que os Mossos quiten os lazos

Publicado o 22/03/2019 08:47

O presidente da Generalitat di que vai defender o dereito de expresión "ata as últimas consecuencias". É a súa resposta á decisión da Xunta Central de ordenarlle á Fiscalía que investigue se Quim Torra cometeu desobediencia e de dar de prazo ata as tres da tarde para que os Mossos retiren os lazos e pancartas dos edificios públicos. 

Nin brancos nin azuis no sitio dos amarelos. A estrataxema da Generalitat de cambiar os lazos de cor, acompañados de pancartas e carteis a favor dos presos, non lle vale á Xunta Electoral Central. Pídelle á Fiscalía que investigue se Quim Torra cometeu un delito de desobediencia e ábrelle un expediente para multalo por infracción electoral. Os xuíces ordénanlle ao conseller de Interior, Miquel Buch, que lles mande aos Mossos quitar todos estes símbolos. Teñen de prazo ata as tres da tarde. Se non cumpren, poderían incorrer en responsabilidades administrativas e penais.

O presidente catalán interveu nun acto de precampaña de Junts per Catalunya, no que reinvidicou a liberdade de expresión. 

"Desde JxCat defenderemos ata as últimas consecuencias o dereito á liberdade de expresión, o dereito á manifestación e o de autodeterminación de Cataluña", dixo Torra.

O presidente do Goberno pídelle a Torra que non patrimonialice as institucións e que acate coma todos as ordes da Xunta.

"Nun proceso electoral, as institucións deben ser neutrais. Son de todos, tanto dá o que voten. E se algo temos que salvagardar todos os dirixentes políticos é esa neutralidade", dixo Sánchez. 

PP e Ciudadanos acusan a Torra de xogar a enganar o Goberno e de apropiarse de edificios de todos os cataláns.

"Pasaron olimpicamente das resolucións da Xunta Electoral Central porque non lle teñen respecto a máis de media Cataluña nin á democracia", dixo Inés Arrimadas. 

"Sánchez é quen pode facer uso da Lei de seguridade nacional ou de seguridade cidadá para que os Mossos d'Esquadra e as gardas urbanas cumpran cos requirimentos que as autoridades independentistas non están facendo, que é garantir o espazo público neutral", dixo Pablo Casado.

O delito de desobediencia ao que se enfronta Torra está castigado coa inhabilitación para exercer cargo público entre seis meses e dous anos, e unha multa de ata 3.500 euros. O president pode presentar recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Supremo. Os Mossos informaron que están listos para executar a orde de retirar os lazos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/03/2019