CRTVG

Buscar

Amplíase o prazo para votar por correo ata mañá ás 14:00 h

Publicado o 24/04/2019 22:11

 

Amplíase o prazo para votar por correo ata mañá ás 14:00 h

A Xunta Electoral Central ampliou o prazo para votar por correo ata as 14.00 horas do próximo venres, día 26, dous días antes das eleccións xerais previstas para o domingo.

"Acórdase a ampliación do prazo de depósito do voto por correo correspondente ás eleccións xerais e ás Corts Valencianes, ata o venres 26 de abril de 2019, nos horarios para a admisión establecidos nas oficinas de Correos e, como máximo, ata as 14.00 horas", sinala a resolución difundida este mércores pola JEC.

Aínda que non precisa as razóns desta medida, a resolución da Xunta Electoral coñécese despois de que Correos anunciara que ampliaba o horario das súas oficinas co obxectivo de poder atender o elevado número de persoas que fan colas en moitas delas para poder tramitar o seu voto.

Só este martes atendéronse 570.000 visitas, o que supón un incremento do 185% respecto á afluencia diaria habitual, segundo informou a empresa pública nun comunicado.

O anuncio da Xunta Electoral prodúcese despois de que Correos anunciara a ampliación do seu horario en 2.400 oficinas para axilizar a xestión do voto por correo polos atrasos na repartición das papeletas. Por iso, todas as oficinas postais abrirán media hora antes e pecharán media hora despois do seu horario habitual e atenderán todos os cidadáns que a esa hora estean nas oficinas para xestionar o voto por correspondencia.

Correos enviou un comunicado aos medios no que asegura que "puxo todos os seus recursos loxísticos, tecnolóxicos e humanos a disposición do proceso" para entregar aos cidadáns os envíos coa documentación electoral. Numerosas persoas tiveron que esperar varias horas para poder exercer o seu dereito ao voto por correo.

"Os carteiros teñen obrigación de facer dous intentos de entrega en man ao solicitante da documentación electoral. Se non o conseguen, deixan aviso na caixa de correos para que o interesado vaia recollela á súa oficina postal".

Correos lembra a todos os solicitantes que estean pendentes de recibir a documentación que comproben as súas caixas de correos por se xa recibiron o aviso correspondente. Segundo confirman, unha vez recollida a documentación, é posible depositar o voto por correo en calquera oficina postal e no momento, como certificado e urxente e de forma gratuíta.

Noticias web

24/04/2019