CRTVG

Buscar

A Xunta e os traballadores de San Cibrao piden "activar xa" a mesa industrial e fixar un prezo eléctrico competitivo

Publicado o 30/10/2019 21:06

Traballadores de Alcoa San Cibrao e a Xunta pídenlle ao Goberno central que cumpra o comprometido e convoque a mesa da Industria e presente o estatuto das electrointensivas para desbloquear a situación da factoría. Para o conselleiro de Economía, a falta de resposta do Goberno failles desconfiar de cales son as súas intencións con Alcoa.

"Encontrar canto antes unha solución a algo que vemos que pasa o tempo e que non hai solución de ningún tipo. Estase acabando o prazo e tememos o peor", afirma Xosé Paleo, presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao.

Coincide o Goberno galego cos traballadores de Alcoa en que o tempo para atopar unha solución vaise esgotando. Nunha reunión na que tamén estiveron os concellos de Cervo e Xove, o conselleiro de Economía explicoulles as medidas propostas polo Goberno galego para que Alcoa teña a electricidade a un prezo que lle permita competir en igualdade co resto de empresas europeas. Francisco Conde di que as últimas axudas aprobadas polo Goberno en funcións son insuficientes.

"A ministra comprometeuse aquí cos traballadores a que ía manter e ía convocar a mesa industrial e que ía trasladar o borrador do estatuto e ningún deses dous compromisos se fixo. Polo tanto, hai unha clara incerteza e desconfianza por parte da Xunta e dos traballadores sobre cales son as intencións reais do Goberno", di Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria.

O conselleiro advirte de que o peche de Alcoa seria un impacto inasumible para a Mariña, porque Alcoa San Cibrao dá traballo a 1.600 familias entre empregos directos e indirectos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/10/2019