A Xunta e os partidos celebran as inminentes bonificacións nas peaxes de AP-9

EFE
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, celebraron este luns, tras a presentación das bonificacións da AP-9, que o Consello de Ministros aprobe mañá as rebaixas nas peaxes.
Despois de que a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, presentase na Coruña as bonificacións que previsiblemente entrarán en vigor esta semana, Rueda saudou, en declaracións á prensa, que se cumpra o compromiso "na data límite", aínda que, engadiu, "podía ser antes".
Con todo, o vicepresidente galego lamentou que "á Xunta gustaríalle participar na elaboración do real cecreto" das bonificacións, xa que tiñan "cousas que achegar".
Nesta liña, asegurou que o anterior responsable desta carteira, José Luis Ábalos, comprometeuse a que o Executivo galego formase parte da creación do texto, polo que criticou que finalmente "o Goberno decide aprobalo mañá sen a participación da Xunta".
Tamén lamentou que o desconto do 20 % para os vehículos pesados é "insuficiente".
Con todo, recoñeceu que si se contemplaron algunhas das peticións da Xunta como o tramo de 24 horas para a gratuidade das viaxes de volta.
"Hai que estudalo con calma e ver como se desenvolve e coñecer mañá a letra pequena deste decreto que leva anunciando meses", puntualizou.
O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, celebrou que "o Goberno de España cumpre nun asunto fundamental cos galegos", xa que "hoxe é un día de satisfacción".
"Foi unha pena que o PP e o BNG se opuxesen aos orzamentos xerais do Estado que permiten esta rebaixa histórica", lamentou Caballero.
Pola súa banda, o deputado do BNG, Néstor Rego, fixo unha valoración "que só pode ser positiva", xa que "se dá cumprimento ao acordo de investidura" asinado entre nacionalistas e socialistas.
Así, destacou "a relevancia de que o BNG no Congreso conseguise un acordo de investidura para dar solucións a unha demanda histórica". "É a primeira vez en 40 anos que realmente se produce unha rebaixa significativa das peaxes da AP-9", remarcou.