A Xunta e os hostaleiros ultiman o novo protocolo de ocupacións
Un novo control da ocupación, segundo as condicións do local, e unha posible apertura das barras dos bares para consumir de xeito individual e con distancia. Son as principais novidades coas que a hostalería busca estabilidade para traballar nos próximos meses.
Haberá tres niveis en que se situarán os locais dependendo da ventilación de cada local, da existencia de medidores de CO2 ou das medidas hixiénicas adicionais coas que conte cada negocio. Xunta de Galicia e hostaleiros ultiman pequenos axustes antes de dar luz verde ao protocolo definitivo.
Este protocolo, din os hostaleiros, non sería necesario de poderen esixir o certificado de vacinación como se fixo ao inicio do verán. Os avances no proceso de vacinación permiten, din as autoridades sanitarias, dar un paso adiante para avanzar na recuperación económica de sectores especialmente castigados pola pandemia.