CRTVG

Buscar

A Xunta e o sector turístico traballan na reactivación económica do turismo galego

Publicado o 21/09/2020 15:27

O vicepresidente da Xunta mantivo unha xuntanza co Clúster de Turismo de Galicia, a primeira dende que asumiu as competencias turísticas.

Sobre a mesa, dous temas principais: a posta en marcha de medidas de reactivación económica para os meses videiros e facer balance dunha tempada estival, marcada pola pandemia, que non foi tan mala como se prevía nun primeiro momento.

Cesáreo Pardal, director do Clúster de Turismo de Galicia, asegura que en xullo a ocupación foi do 50% e en agosto esperan chegar ao 65%.

Un dos factores que axudaron a acadar esta cifras de ocupación foi a percepción de Galicia como destino turístico seguro.

Leonardo López, do hotel Carlos I de Sanxenxo, apunta que a súa clientela valora as medidas que se adoptaron tanto a nivel local como autonómico para converter Galicia nun destino turístico seguro.

O vicepresidente da Xunta dixo que esta é a liña que hai que seguir para afrontar os difíciles meses que quedan por diante.

Alfonso Rueda dixo que Galicia ten unha posición privilexiada como destino turístico seguro e que agora hai que seguir traballando para que isto non se perda.

Dende o Clúster de Turismo reclaman financiamento para manter o tecido empresarial ata que comece o Xacobeo, un evento que, segundo apuntan, será balsámico para o sector; e máis aínda se se prorroga ata o 2022; unha posibilidade en que xa traballa o Goberno galego.

Noticias web

21/09/2020