CRTVG

Buscar

A Xunta e o Goberno traballarán para lograr unha transición enerxética xusta

Publicado o 18/02/2021 21:42

• Falta de entendemento entre Feijóo e Ribera sobre o lobo e a xestión do litoral

Alberto Núñez Feijóo reuniuse esta tarde en Madrid coa ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O presidente da Xunta di que se abren expectativas para buscar solucións aos problemas de empresas como Alcoa.

Encontro de tres horas e media de duración para darlle a coñecer de primeira man a Teresa Ribera e todo o seu equipo a situación comprometida de 15.000 empregos en Galicia afectados, explica Feijóo, por políticas enerxéticas e medioambientais. Falamos de Alcoa, Endesa, Meirama, Gamesa, Ence ou conserveiras. O presidente di que a reunión foi construtiva e que Xunta e ministerio acordaron abrir mesas de traballo para buscar solucións para esas empresas.

Segundo explicou Feijóo, a ministra tamén se comprometou a estudar a petición da Xunta de incluir na nova planificación de Red Eléctrica a subestación para o polígono industrial de Balaidos. O presidente asegura que marcha optimisma respecto aos proxectos de economía verde para captar fondos europeos que lle presentou a Teresa Ribera.

Pola súa banda, o Ministerio de Transición Ecolóxica informou nunha nota de prensa que a ministra Ribeira pediu a Feijóo "implicación" para avanzar no "desenvolvemento de enerxías renovables, en saneamento e depuración e no impulso á transición xusta".

Segundo o Ministerio, Ribeira ofreceu a Feijóo traballaren xuntos para ser capaces de investir no desenvolvemento de Galicia desde o respecto aos valores ambientais, "que son fonte de riqueza e base de boa parte da economía galega".

Así mesmo, Ribeira pediu á Xunta que faga propostas para o desenvolvemento da enerxía eólica offshore na Planificación da Rede de Transporte de Electricidade 2021-2026 e traballar xuntos no plan de desenvolvemento do hidróxeno renovable en Galicia. A ministra tamén trasladou a Feijóo o "compromiso" coas Pontes e insistiu na importancia de que o Goberno galego se "implique na transición xusta, tamén desde o punto de vista económico".

Falta de entendemento sobre a xestión do litoral e o lobo

Iso si, Feijóo volveu pedir á ministra Ribeira unha explicación de por que non se lle traspasa á Xunta de Galicia a xestión do litoral, como xa fixera hai unhas semanas na súa reunión co xefe do Executivo Pedro Sánchez. Aquí, segundo dixo, Feijóo non obtivo a mesma comprensión da ministra que con outros asuntos. Segundo dixo, Cataluña e Andalucía si que teñen esta xestión e pide ao Ministerio saber por que non se lle traspasa á Xunta tamén.

Outro dos temas que se trataron foi o da prohibición da caza do lobo, onde Feijóo apelou a "buscar puntos de encontro". "É evidente que o noventa por cento desa especie animal está na Cornixa Cantábrica", sostivo Feijóo, que tamén pide darlles unha "solución" aos gandeiros. Considera que hai que manter un equilibrio neste sentido, pero "non se pode prexudicar os intereses dos gandeiros". Iso si, recoñece que hai posturas distantes e chama a entenderse porque as Comunidades Autónomas teñen competencias neste sentido

Noticias web

18/02/2021