CRTVG

Buscar

A Xunta e o Concello de Santiago amosan boa sintonía no primeiro contacto postelectoral

Publicado o 08/07/2019 20:21

•  O Goberno galego presentará este mes a Concello e Igrexa o Plan estratéxico do Xacobeo

O presidente da Xunta e o alcalde de Santiago amosaron este luns a súa boa sintonía asegurando que ambas administracións retoman a colaboración "con máis intensidade", co obxectivo de facer do Xacobeo 2021 "o mellor ano santo da historia".

O presidente da Xunta elixiu o Museo das Peregrinacións para celebrar a primeira reunión da lexislatura co alcalde de Santiago. Alberto Núñez Feijóo e Xosé Sánchez Bugallo falaron durante dúas horas neste lugar dos preparativos do Xacobeo 2021, da estación intermodal e de facilitar no municipio o crecemento da industria biotecnolóxica e da madeira.

O presidente avanzou que este mes de xullo a Xunta vai presentar o Plan estratéxico Xacobeo 2021, que contén as principais actividades a desenvolver. Coincidiu co rexedor en que o próximo Ano Santo debe ser o mellor da historia e servir de base para a preparación dos vindeiros en 2027 e 2032.

Era a primeira reunión que Núñez Feijóo mantiña cun dos alcaldes saídos das últimas eleccións, e ao finalizar explicou que "portas abertas, comunicación fluida e colaboración permanente" son as metas que Feijóo se marcou para manter o contaco entre as d úas institucións que, xunto coa Igrexa, teñen que conseguir que o de 2021 "sexa o mellor Xacobeo celebrado nunca en Galicia".

O rexedor compostelán, Sánchez Bugallo, coincidiu en valorar os avances realizados e asegurou que o ente municipal se vai deixar a "pel" para conseguir que Santiago sexa unha cidade "limpa, segura e acolledora" en 2021. Aínda que lamentou que durante o mandato de Compostela Aberta "se perdeu moito tempo" en canto á preparación da cidade de cara ao evento, confía en contar con "certa capacidade de imporvisación para resolver en pouco tempo" todos os cabos soltos pendentes.