CRTVG

Buscar

A Xunta e os hostaleiros avogan por copiar o 'modelo Valencia' para novas axudas

Publicado o 13/01/2021 21:54

• Piden crear un fondo entre o Goberno galego, as deputacións e os concellos

A Xunta e os representantes do sector da hostalería de Galicia avogaron este mércores por poñer en marcha un plan de axudas similar ao 'modelo Valencia' que permita habilitar un fondo de cooperación con axudas financiadas polo Goberno galego, as deputacións e os concellos.

En declaracións tras a reunión mantida a mesma xornada en que se deron a coñecer as decisións adoptadas polo comité clínico para frear o aumento de contaxios pola covid-19, os representantes dos hostaleiros de Galicia consideraron que se debe imitar o fondo de cooperación especial anunciado na Comunidade Valenciana para axudar as empresas e autónomos máis afectados pola pandemia e dotado con 120 millóns de euros.

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda, reivindicou tamén esta opción a través da que se arbitrarían axudas en "colaboración" entre varias administracións cunha achega do 50 % da Xunta, do 30 % das deputacións e do 20 % dos concellos. Isto permitiría tamén máis axilidade nas axudas e unha tramitación máis sinxela.

Alfonso Rueda puxo en valor esta opción porque a pesar de que "a Xunta axudou o sector en solitario, agora que os efectos da pandemia se prologan" é necesaria a colaboración do resto de institucións. "Non sería entendible que neste momento non fagamos un esforzo conxunto" porque "a pandemia non entende de cores políticas e para facerlle fronte necesítase a axuda de todo o mundo", reiterou o número dous do Executivo galego.

Neste sentido, incidiu en que a crise sanitaria está a ter efectos devastadores para o sector da hostalería e o turismo, polo que se deben "xuntar esforzos para multiplicar os resultados".

Neste sentido, o presidente da Agrupación industrial de Turismo, Cesáreo Pardal, defendeu a posta en marcha do modelo valenciano, que busca sinerxias entre administracións, xa que, na súa opinión, "é hora de que dunha vez por todas se unan para axudar o sector, pois, pola contra, estará morto" cando a pandemia conclúa.

Na mesma liña, os representantes das asociacións de hostalería que participaron na reunión, tales como Héctor Cañete e Cheché Real, consideraron que sería "moi positivo" un novo plan de axudas conxunto, que, en todo caso, debería activarse canto antes. 

Noticias web

13/01/2021

Máis sobre actualidade