CRTVG

Buscar

A Xunta e Amancio Ortega construirán sete residencias de maiores en Galicia

Publicado o 13/09/2019 13:23

 Ofrecerán 900 prazas residenciais e crearanse máis de 800 postos de traballo

O convenio que asinou a presidenta da Fundación, Flora Pérez, coa Xunta inclúe dotar as residencias con equipamentos de vangarda e con unidades psicoxeriátricas para tratar o alzhéimer e outras doenzas. Dende a entidade din que este proxecto é para eles un desafío que asumen con ganas.

"Este tipo de proxecto axústase plenamente ao noso obxectivo fundacional. Buscamos resolver problemas sociais sentidos pola maioría dos cidadáns cun sentido práctivo e inmediato", asegurou José Arnau, vicepresidente executivo da Fundación.

Para o presidente da Xunta, esta colaboración é unha mostra máis de que o servizo público está en todas as capas da sociedade galega. Feijóo defendeu ademais que a chave do progreso está no traballo conxunto dos sectores público e privado.

"Este convenio desmente unha vez máis a esa absoluta minoría que preferiría que as empresas non se implicasen no ámbito social só para seguir enrocándose no falso mito dun sector privado inhumano", afirmou Feijóo.

Á falta de permisos municipais, a Xunta prevé que as obras comecen no primeiro semestre do ano que vén. Deseñaraas un estudo de arquitectura galego.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí