CRTVG

Buscar

A Xunta destinará dous millóns de euros para a creación de 23 novas casas niño

Publicado o 22/02/2020 17:31

A Xunta investirá dous millóns de euros para poñer en marcha novas casas niño nos próximos catro anos. A intención é crear cento quince novas prazas nos concellos rurais de menos de cinco mil habitantes que non teñen outros servizos de concilización. Son un total de 23 en toda Galicia.

A Xunta quere completar a rede de casas niño no rural galego. Nos próximos catro anos investirá dous millóns de euros para crear cento quince prazas novas en núcleos de menos de cinco mil habitantes que non dispoñen doutros recursos para a conciliación.

A conselleira Política Social, Fabiola García, explica que "acabamos de lanzar unha convocatoria con 23 casas niño máis para que o 100% dos concellos de Galica dispoñan dunha escola infantil ou dunha miniescola infantil e así os pais poidan ir traballar deixando os seus fillos nas mellores mans e coa tranquilidade de que están ao carón da súa casa".

Sumaranse ás setenta e cinco que xa funcionan en Galicia. As casas niño son de balde e a partir do un de abril tamén o serán as as escolas infantís para os segundos fillos e sucesivos. É un paso cara a gratuidade universal. "O noso compromiso é continuar avanzando cara a gratuidade da eduación infantil para todos os fillos e para iso pedimos a colaboración do Goberno central"

Ademais Fabiola García subliñou o interese da súa consellería por aumentar as instalacións e os servizos dirixidos á mocidade e ás persoas maiores. Foi durante unha visita ás antigas escolas do Lago de Ares, parcialmente rehabilitadas como centro social.

Noticias web

22/02/2020