CRTVG

Buscar

A Xunta destina catro millóns para aloxamentos turísticos de cara ao Xacobeo

Publicado o 24/01/2019 19:47

As primeiras ordes de axudas publicaranse nos vindeiros días e poderán empregarse en melloras nos establecementos, eliminar barreiras arquitectónicas, obter certificados de calidades, obras para aumentar a categoría do hotel ou reformas nas instalacións. En total a Xunta calcula que haberá uns 550 beneficiarios con subvencións de ata 35.000 euros.

E despois destas virán outras co obxectivo, explica a Xunta, de mellorar a oferta hoteleira para o vindeiro Xacobeo, con especial atención ás zonas rurais e marítimas para fixar poboación, aos camiños de Santiago, ao termalismo, aos festivais e deportes para os máis novos ou ao turismo científico. O plan de mellora de aloxamentos prevé unhas 20 liñas de axudas para abrir novos establecementos, ademais de mellorar os que xa hai, e mecanismos financeiros para apoiar o emprendemento no sector.

1 millón para abrir 30 casas do maior
Feijóo tamén anunciou que se esgotaron todas as peticións de axudas para abrir unha casa do maior, a nova medida da Xunta para atender persoas dependentes no rural.  Polo tanto, nos próximos meses van abrir as primeiras 30 casas do maior, que estarán en 25 concellos de menos de 5.000 habitantes. En cada unha delas un profesional con formación específica atenderá ata un máximo de cinco persoas, oito horas, de luns a venres e con flexibilidade horaria. O Goberno galego avanza outra convocatoria para este ano dado o éxito da primeira.

Axudas para casas das Illas Atlánticas
O Goberno galego tamén declarou hoxe área de rehabilitación integral o Parque Nacional das Illas Atlánticas, un paso máis, di, para conseguir que sexan nomeadas Patrimonio Mundial. ENTRAN COLAS A declaración de hoxe supón que tanto os veciños das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, como os concellos aos que pertencen os arquipélagos, que son Vigo, Bueu, Vilagarcía e Ribeira, poderán acceder a axudas para rehabilitación de vivendas ou obras de urbanización. As axudas serán financiadas con fondos da Xunta e de Fomento e poderían estar dispoñibles a partir de abril.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/01/2019