A Xunta destina 7 millóns aos pesqueiros que traballaron na pandemia
A Xunta pon en marcha un plan de reactivación do sector marítimo e pesqueiro para paliar as perdas derivadas do coronavirus. Unha parte importante desas axudas van ir destinadas ás embarcacións que saíron pescar durante o estado de alarma a pesar de que a actividade non lles era rendible e grazas as cales puidemos ter peixe fresco no noso día a día.
Estas embarcacións que se arriscaron e decidiron non parar non poden beneficiarse das axudas do Goberno Central xa que estas só inclúen os pesqueiros que pararon por completo a súa actividade.
A Conselleira do mar, Rosa Quintana, explicou que poden solicitar as axudas as embarcacións con porto base en Galicia que saíran pescar durante o estado de alarma e sufriran perdas do 25% con respecto á facturación media no mesmo período dos tres anos anteriores. Son 7 millóns de euros cos que a Xunta pretende compensar o seu esforzo e paliar os efectos da crise.
A Xunta tamén vai destinar 600.000 euros de fondos propios para apoiar as confrarías e entidades xestoras de lonxas. O presidente da asociación galega de confrarías, José Antonio Pérez dixo que a axuda era un "recoñecemento da Consellería ao sector do mar".
O plan de reactivación marítimo pesqueiro de Galicia inclúe tamén axudas a mariscadoras e redeiras. Suporá unha inxección total no sector de 77 millóns de euros neste 2020.